Os puntos cegos

13 Mar

Jasmine ten 7 anos e medio e estamos na cociña mantendo a típica conversa entre nanny e rapaza onde a primeira finxe un entusiasmo tremedo e case maníaco (“guauuuuu, en serio?“) ante algo que non marcará o principio nin fin de ningunha era nin será escrito na Wikipedia anos despois. Pero deixémonos de lerias, amar é finxir ás veces, que xa estou farta do mantra “guay” de que querer é ser honesta que significa ser directa que significa ser faltona. Para min xa non, creo que algunha vez o crin, pero xa non. Para min querer é respetar, e de ahí que me ache nunha cociña alimentando á seguridade dunha nena xa de por sí insegura con respostas do tipo “Wow-really?” e “that’s cool, ins’t it?” porque non está mal exercitar o tantas veces esquecido ti-importas-e-por-iso-te-escoito, por iso escoito a historia de cando Ms. Baumann perdeu a carteira por novena vez.

E funciona: Jasmine embálase, aproveita que esta tía te está a escoitar, e blablabla, que en inglés dise igual, blablabla, e de súpeto en todo ese fluxo constante de letras que fan palabras que fan frases que fan ideas aparece un inesperado “porque ti cando cases Bea” ante o que eu solto un lixeiro “eu non creo que case Jasmine” que interrumpe de socato o seu monólogo.

– ¿Qué queres dicir con que non vas casar?
– Pois iso, que non creo que case Jasmine.

Eu neste punto xa rio, porque a coñezo, e sei que vai poñer esa cara na que se queda mirando cos ollos ben abertos cara a parede, que non cara min, coma se tentase atopar o punto cego onde se esconde esta conversa imposible de ter e de entender, e cando o fai, cando definitivamente pon esa cara, rio aínda máis. Se me achegase o suficiente a ela, estou convencida que podería oir a maquinaria do seu cerebro facendo unha mini-investigación -crick, crick, crick- e poida que ata se mirase polos seus ollos vería ese fondo de chuvia de números binarios 0|0|1|0|1|0|1|1|1| que tenta resolver a negación dese razoamento deductivo taaaaan coñecido xa: Premisa A. Bea é unha muller, Premisa B. As mulleres casan. Conclusión. Bea vai casar.

– ¿Pero entón non queres ter fillos?
– Sí, encantaríame. Pero sen casar.

Cerebro de Jasmine tentando resolver o conflicto Some-women-don't-get-married

E aquí o seu cerebro xa fai rum rum en alto |1|0|1|0|0|0|1|0| e antes de que estexa a piques de estoupar, Jasmine decide darme por perdida e márchase seguramente pensando que estou de brincadeira, ou que vou de farol, cómo vai ser iso posible, tan verdade coma que Ms. Baumann perdeu a carteira é que as mulleres, todas, casan. Sobre todo as que queren ter fillos/as.

Antes de acabar, e como chegou a primaveira e estou de bo humor, prevéñovos de sentir que toda loita é inútil e que estas nenas están perdidas. Un dos meus xogos favoritos de pequena era xogar a Santa Bárbara coa miñá curmá, ela facía da muller de Cruz Castillo e eu non me lembro de quen, pero muller de alguén seguro. O xogo era básicamente quedarse na habitación preparando a cena mentras os nosos maridos estaban fóra traballando, e se éramos capaces de facelo aínda máis sofisticado, eu conseguía que o meu curmán Rober se animara a ser o meu marido real e a miña curmá conseguía dous bonecos para facer o que sempre quixo facer de maior: adoptar dous nenos, un branco e o outro negro. E nin vos imaxinades o curtas que iamos nós en Covelo a principios dos noventa de bonecos de cor negra.

Amigas, se houbo solución para isto, haino para tódolo demais.


Proxectos e retos deste atarefado Febreiro

26 Feb

Este mes de Febreiro estivo cheo do que considero grandes pasos para min e dos que estou, se me permitides a falla de humildade, moi orgullosa. Por unha banda, e para comezar, as mulleres da Marcha Mundial fixeron un blogue de opinión dentro da súa páxina web e inclúen as entradas de Lista Feminista, así que se alguén ven derivada/o dende alá, benvida/o! Faime moita ilusión! Por otra banda, fai un par de semanas enviei unha queixa á “Defensor del Lector” do xornal “El País Semanal” en referencia a un artigo publicado sobre María Teresa Fernández de la Vega e a defensora publicouno no seu blogue, tanto as cuestións que eu plantexaba coma as súas respostas. Se queres seguir a conversa aquí deixovos o link. Por certo, e como curiosidade, a Defensora deixa esta semana ese posto e faino cun artigo bastante interesante sobre verdade e xornalismo.

 

 

Ademais son bos tempos para o proxecto no que estou a traballar, “El Costurero”, dentro da ONG de inmigrantes latinoamericanos/as na que son voluntaria (IRMO). O proxecto baséase en dous grupos principais pero interconectados, por unha banda, un grupo de debate e discusión sobre cuestións de xénero e, pola outra, a futura creación dunha empresa social onde mulleres poidan formar un taller de alta costura coa nosa compañeira e deseñadora de moda Soraya Fernández. A idea é que mulleres latinas sen moitos recursos poidan acceder a unha formación laboral que ademais lles permita participar dun proxecto autosostenible e con condicións laborais xustas. Como coordinadora do grupo de discusión, o 11de Febrero impartín un taller sobre os Mitos do Amor Romántico, se queredes saber máis, aquí pásovos o audio da entrevista que fixemos para o programa de radio “Raíces”.

 Image

 

E como este marabilloso proxecto de El Costurero non me da máis que ledicias (e retos) o próximo venres estou convidada a presentalo no Bolívar Hall na Embaixada Venezolana en Londres, no marco dunha xornadas polo Dia da Muller Traballadora.

 

¡Estou moi pero que moi ilusionada!

As mulleres, esas eternas adolescentes

1 Feb

Farei un repaso rápido ao escenario:

 

  1. Rapazas de 16-18 non poderan abortar sen o permiso dxs tutorxs legais. O que inmediatamente quere dicir que rapazas de 16-18 anos poderán ser obrigadas a pasar por un embarazo non desexado se así o deciden os tutorxs legais.

     

  2. Teremos que voltar a mentir. Teremos que voltar a acollernos a un suposto problema psicolóxico para poder decidir sobre o noso corpo.

     

  3. Serán máis importantes os dereitos dunhas células que os dunha muller adulta. Igrexa 1-Mulleres 0.

     

  4. Segundo o que di Ana Mato, probablemente voltaremos á píldora do día despois só con receita médica. Voltaremos a que se nos rompan os condóns e a ter que visitar 4 farmacias de Compostela e a que nola deneguen mirándonos mal, coma se fosemos delincuentes. Teremos que sentirnos humilladas e chorar. Teremos que esperar ata ter cita cx doutorx e ao final teremos que falar con esa colega que ten unha píldoras de sobra. Sí, seino, desvieime e faleivos do que me pasou a min.

     

  5. Voltaremos, en definitiva, a ser menores de idade. Voltaremos a ser esos seres difusos e incompletos, que non saben ben o que queren, que precisan dunha autoridade superior para que lles guíen.

     

  6. Nunca na miña vida quixen nada con máis ilusión que ser nai. E aínda que non o son, soño habitualmente con selo. E por esa paixón que lle teño, pola ledicia que me xera pensar que algún día o serei, pregúntome cómo alguén pode ser obrigada a selo sen querelo. A maternidade e paternidade é tan importante que só pode basearse nunha escolla libre. Non me imaxino ningún pensamento máis pro-maternidade que ese.

     

  7. Hoxe, chorei de rabia. Sí, xa o sei, tomo as cousas demasiado en serio, demasiado persoal. Levo case 30 anos así, e nunca o puiden evitar e creo que xa é tarde.   

Alguén me tenta enganar para que merque cousas rosas!

21 Jan

Non me resisto a facer un post curto e amosarvos este vídeo que me pasa unha amiga miña. Está en inglés, pero se queredes subtítulos en portugués só tedes que presionar o botón que pon cc na banda gris de debaixo do vídeo.

 

Botádelle un ollo, hai nenas que xa dende moi pequenas saben que alguén tenta “enganar ás nenas para que merquen todas esas cousas rosas”. Qué ten que facer una nanny para conseguir unha nena así de lúcida, hahahaha!

 

 

 

¿Qué fai unha rapaza nun lugar coma este?

15 Jan

O outro día lin nun blogue un artigo que encheume de ira, de moita ira. Contrariamente ao que moita xente adoita pensar, eu coido que a carraxe, se somos capaces de canalizala ben, pode ser unha enerxía que empurra. Ese no mellor dos casos, claro está. No peor é tan só unha resposta inevitable, porque como di outra blogueira dos USA –Angry Black Bitch– nunha entrevista “hai moitas cousas polas que estar enoxada”. Vivir nesta sociedade sexista sen sentir por momentos ganas de berrar ata afogarte é que ou ben as túas clases de ioga son impresionantes ou ben porque non fuches capaz de articular o discurso ou entender o episodio como opresión.

 

Pois polo que estaba eu enoxada esta vez é porque nunha páxina web onde persoas intercambian artigos e fotos baixos distintas temáticas, unha rapaza de 15 anos cometeu o “delito” de poñer unha foto súa cun libro sobre ateismo que lle regalaran os seus pais, ao carón da súa cara. Non vedes o problema, ¿verdade que non? Pois algunas persoas, presumiblemente homes, sí, así que comezaron a encher a súa foto con comentarios que chegaron ao tono de -e aviso que son fortes- “ela ten máis buracos que os meus pantalóns”, “no meu país [ter sexo cunha rapaza de 15] é legal, así que só tería que enfrentarme aos cargos de secuestro” e os mellores “relaxa o teu ano, doe menos así” e “o sangue é o lubricante da natureza”. O primeiro tivo 1715 votos positivos e o segundo 570. Sinto ter que ser tan explícita.

 

A tan inocente foto

 

A realidade é: é moi probable que toda esta xente sexan en realidade persoas que se consideran normais, é máis, estou convencida que a aplastante maioría non faría dano a esta rapaza de coñecela. Entón, ¿de qué estamos a falar? Judith Butler, unha filósofa queer experta en temas de xénero, preguntouse o mesmo neste video para intentar entender a morte dun rapaz considerado “afeminado” que ocurriu vai anos e que non respondera a provocación ningunha. A autora pregúntase qué regra rompeu esta persoa para merecerse morrer, como di ela “polo mero feito de moverse así ”. ¿Qué é exactamente, e agora nos pasamos ao caso que nos ocupa, o que fai que persoas “normais” abusen verbalmente dunha rapaza de 15 anos polo mero feito de poñer unha foto na rede? Podíamos ser simplistas e falar do anonimato ou de que hai moito troll por Internet, pero isto, sendo parte de real, non explica o fenómeno na súa totalidade.

 

A miña opinión é que é unha vez máis unha cuestión de espazos e poder. É dicir, non creo que fose nin unha simple broma nin que os homes estivesen excitándose con iso, creo que era un xeito de “castigar” que ela rompera unha regra social non escrita pola cal os espazos públicos (e con eles a rede) son espazos masculinos. Entendédeme, non digo que sexa algo “consciente”, non é que eses homes na súa casa o pensaran así, pero sí penso que mediante bromas patriarcais e sexistas, mediante bromas incluso ameazantes, asegurábanse a humillación e a “posta no seu lugar” desta rapaza que, ou é moi valente -cousa que espero- ou non voltará a facer algo público na rede por moi longo. En definitiva, era castigala por ter incumplido unha norma de xénero pola cal as mulleres só deben ocupar lugares “domésticos”, no senso de invisibles e non públicos.

 

Por se non vos convencín, póñovos outros dous exemplos. Vai uns meses varias xornalistas e blogueiras de Inglaterra comezaron a falar de algo do que nunca falaran abertamente antes: dos comentarios sexistas e ameazas que moitas delas reciben polo mero feito de falar públicamente. Baixo o hagstag en Twitter de #mencallmethings comezaron a compartir os comentarios e mails que recibiran, onde a ameaza de violacións estaba sempre presente. Dous feitos ademais cumpre dicir: a) os seus compañeiros homes recibían tamén amezas pero nin no mesmo número nin de natureza sexual, e b) As mulleres que falaban de temas como cociña ou familia non recibían o un trato tan degradante que as que falaban, por exemplo, de política. O outro exemplo: as vexacións sexuais sufridas por xornalistas en Exipto, que non padeceron os seus colegas homes que se saiba, por parte das forzas do réxime durante a cobertura das manifestacións. Tal e como as xornalistas pensan, os ataques respondían a unha estratexia onde tanto o target como o xeito de proceder estaba ben definido. Unha vez máis, non son cousas ao azar nin “esas cousas que pasan”, son xeitos de sinalar con violencia (sexa verbal ou física) que a muller non ten dereito a ocupar un espazo tradicionalmente disfrutado polos homes. Agora que o penso, en realidade, ¿en qué momento pensamos que a loita pola apropiación dos lugares maioritariamente ocupados polos homes ia a ser sinxela?

 

Dúas das xornalistas agredidas

 

Remato con algo bonito: as tres xornalistas asaltadas en Exipto seguen a traballar. A xornalista que comezou o debate #mencallmethings segue a traballar, ao igual que todas as mulleres que participaron nel. Ninguén dixo que a loita fose sinxela, é verdade, pero ninguén dixo tampouco que nos iamos botar atrás!

“Cuéntame” cando ríamos da violencia de xénero, papá

3 Nov

Fago un post rápido, a toda presa, cun 20% menos de rigurosidade e cun 15% máis de mala hostia…

Esta mañá ás 6.30, hora na que unha espera ter un almorzo tranquilo e que ningún que lle fale ou moleste, tropecei cunha das caras máis solidas do “machismo de risas”. Poida que alguna das que me len xa saiban de que falo, e dende aquí douvos as grazas por amosarme o voso apoio, pero para as que non teñen nin idea deixovos o “chiste gracioso” que unha páxina de facebook -négome a dar o nome- decidiu publicar: Contador de calorías

Ben, a “broma” baséase nun contador de calorías segundo qué tipo de conducta sexual se faga, e non temos que ir moi lonxe para ler “quitarlle a roupa con consentemento: 12 calorías”, “sen consentemento: 2187 calorías”. Como non quero “interpretar” e entrar en que suxire que queimas calorías porque hai unha loita, fico no máis directo e obvio: quitarlle a roupa sen consentemento a alguén é un delito de abuso sexual, tipificado con cunha pena de cárcere de 1 a 3 anos e unha multa de 18 a 24 meses de segundo o código penal español. Todo isto, claro está, se a túa fin é simplemente quitarlle a roupa sen consentimento e non tes un obxectivos aínda máis perversos. Por suposto, escribín isto no grupo de facebook, adoro facer amigos! O comentario posterior ao meu, no que un home di que “iso dillo ás mulleres que lles gusta”, amosa unha vez máis o descoñecemento xeral sobre o tema do consentimento. O consentimento explícito é o único xeito de garantir unha relación sexual consensuada e libre, e, parece mentira que haxa que explicalo, a ausencia de éste implica “contra a votande de” e, polo tanto violencia sexual. Para ser máis clara: Conducta sexual sen consentimento = contra vontade = violencia sexual = crime. De ahí tamén que sexa necesaria unha educación sexual integral nas escolas onde o tema do consentimento teña unha parte primordial.

_

A cousa é que isto lembroume a cando a violencia de xénero non só era algo perfectamente normal, senón algo gracioso. ¿Lembrades un sketch dos Martes y Trece do 1991, que se chamaba “Mi marido me pega” (ver enriba)? Nel, como vos mesmas podedes observar, non só faise escarnio dunha situación de maltrato senón que ademais a muller aparece caracterizada como clase traballadora e prácticamente analfabeta. Evidentemente, non é que fai 20 anos fóramos una civilización bárbara e agora somos a quitaesencia do correctismo, senón simplemente deixamos de ter unha mirada cómprice, unha mirada de consentimento cara un dos maiores problemas que afrontan as mulleres como colectivo. O gracioso é que fai 20 anos, houbo colectivos que se queixaron, pero como non, foron tildadas de “feministas sen humor” -aínda non aparecera o termo “feminazi”, o meu favorito-. Hoxe en día, para moitas de nós, estas mulleres que denunciaron non foron senón a vangarda. O outro día, asistín a un marabilloso taller sobre a supremacía branca, e unha muller xudea falaba da especia de “carta branca” que se da ao racismo sutil cando este escondese detrás do que denominamos “humor” coma se, baixo esta etiqueta, “todo valese”. Da que pensar.

Para terminar, deixádeme que me poña estupenda e vos cite a Niezstche. No seu Aurora, denuncia a a práctica habitual moderna de pensar que somos unha civilización que avanza a mellor e que a xente do pasado era simplemente máis bárbara. Pero el lémbranos que somos unhas ilusas y que nos mesmas, nun grado que nin coñecemos, somos partícipes de a saber cántas ideas de opresión e a saber contra quen. Poida que dentro de 20 anos miremos as bromas sobre arricarlle aroupa a mulleres contra a súa vontade e nos parezan abominables. Quen sabe. Ao mellor ten razón Nietzstche cando di que “hai abrentes que aínda non amenceron”.

O lazo rosa, ¿a nova camiseta do Che Guevara?

16 Oct

Por se algunha de vos non está enterada, o mes de Outubro é o mes contra o cancro de mama. Durante todo o mes, e especialmente o 19 de Outubro, poderemos ver un aumento nas campañas de sensibilización e, sobre todo, veremos de xeito más habitual un dos seus símbolos máis claros: o lazo rosa. En principio un símbolo beneficioso para amosar solidariedade con, entre outras, os máis de 16.000 novos casos que se detectan cada ano no Estado, non está exento de polémicas e de críticas por unha serie de colectivos feministas e de mulleres que, sobre todo no extranxeiro, comezan a erguer voces contra o que cren que é cada vez máis un negocio ou, aínda peor, unha cortina de fume.

Coma é un tema moi compricado, deixo por diante que non pretendo criticar o feito de que a xente mostre solidariedade nin por suposto pretendo dar unha respota definitiva ou total a cómo debe ser a resposta comunitaria ante esta enfermidade. A miña intención é como lle expliquei a Antía Marante, muller que me motivou este post e coa que teño a boa sorte de poder compartir inquedanzas similares, a de amosar a cara oculta, o “twist” que fan algunas mulleres para facernos cuestionar o que sempre deramos por bo. Ben, sen máis, comezo.

A primeira crítica e máis evidente, seguindo a Think before you pink -sí, síntoo, inglis pitinglis-, é que o que alguna vez foi un símbolo de solidariedade é hoxe en día un símbolo inocuo, que ten perdido a súa capacidade mobilizadora e, o que é peor, que é usado por compañías para vender máis productos a través dunha falsa imaxe de preocupación pola saúde das mulleres. De feito en numerosas ocasións, nin sequera está claro exactamente cánto do diñeiro recaudado é invertido directamente na investigación para a prevención e a detección precoz do cancro de mama e todo pérdese nunha sorte de círculo sen consecuencias “mostro solidariedade porque levo o lazo, levo o lazo porque mostro solidariedade”.

Sí, non minto. Kentucky Fried Chicken, coñecida por masacar animais e producir comida-lixo, tamén pasárase ao rosa. Mátame camión.

Desta última, coma nunha cadea de acontecementos, aparece a segunda crítica e, para min, a máis interesante de todas. Certas organizacións de mulleres critican o feito de que o lazo rosa, ao teren perdido o seu valor e acabar sendo tan representativas dunhas loita real e directa como, digámolo así, unha camiseta do Che Guevara, é usado para o contrario do que di servir: en realidade desmobilizan e desarticulan unha verdadeira resposta política e comunitaria. Para min persoalmente foi toda unha sorpresa aprender que, nos anos 70, en plena segunda ola do feminismo, houbo manifestación onde os lemas eran reivindicacións por unha mellor investigación das causas e pola erradicación do que é unha epidemia que aumenta o seu número de mortes cada ano e que afectaba e segue afectar de maneira maioritaria a mulleres -o cancro de mama en homes existe, pero é menos dun 1%-. Non eran milleiros de mulleres correndo vestidas de rosa como pasa en USA, pero eran mulleres enoxadas xustamente.

E de aquí movémonos ao terceiro cuestionamento, moi intelixente tamén, que plantexa que, debido a estas campañas rosas e manexables, simpáticas e nada problemáticas, esquecémonos de qué hostias viñemos a facer aquí, que non é nada máis nin nada menos que erradicar efectivamente o cancro de mama. Era o que vos apuntaba ao principio cando dicía que algunas organizacións falaban dunha cortina de fume para ocultar que, a pesar de tódolos cartos invertidos en lazos rosas, non estamos máis pertos de atopala solución ao cancro de mama, nin sequera de evitar o seu aumento. E son moitas as mulleres que comezan a organizarse e a públicamente preguntarse cal é o papel que xoga nesta enfermidade os milleiros de sustancias químicas que tradicionalmente as mulleres estivemos máis expostas a ellas -maquillaxe, productos de limpeza, etc.- e que son recoñecidas toxinas moitas veces canceríxenas. A pregunta, vaia, é en qué momento desviámonos do camiño da loita e da acción para pasar a isto:

Vale, seino, non me saiu un post moi amable para ler, e nin sequera tiven moito tempo para correxir a ortografía. Sei que non teño excusa, pero pido perdón polas castrapadas de antemán. Para rematar, unha páxina web que tenta dar unha resposta real e cotiá a mulleres que un día tiveron que enfrontarse con esta enfermidade e para as cales as historias de superación estilo Oprah Winfrey lles viñeron curtas. Caras tristes ou ledas, desafiantes, con medo ou vergoña. A vida normal, ao fin e ao cabo.

The Scar Project

%d bloggers like this: